A transformación dixital do sector industrial cara unha Industria 4.0 supón numerosas vantaxes e maior flexibilidade pero esta dixitalización das empresas implica tamén a aparición de novos riscos que requiren de profesionais especializados que acheguen a protección adecuada ás compañías e aos procesos produtivos. De feito, o informe Galicia 2030: Proposta de novas titulacións para o SUG sinala o eido da ciberseguridade na contorna industrial como un dos nichos laborais de futuro que requiren dunha formación específica que ata agora non existe na comunidade autónoma. Isto deixará de ser así coa posta en marcha do título propio de Especialista en Ciberseguridade Industrial que acaba de ser aprobado pola Universidade de Vigo. Este curso botará a andar en xaneiro e oferta 30 prazas para unha docencia que será totalmente virtual a través e Campus Remoto, co obxectivo de abrir “o espectro de participantes a toda España e incluso Latinoamérica”, explica José Ignacio Armesto, coordinador do mesmo, xunto co tamén docente Miguel Díaz-Cacho, ambos do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática.
Armesto destaca que este curso pretende “cubrir o oco que hai entre os perfís formativos industrial e das tecnoloxías da información e comunicacións, xerando un novo perfil especialista en ciberseguridade industrial”. Esta profesión emerxente é cada vez máis demandada polo sector, xa que a industria 4.0 implica un incremento substancial da conectividade nas empresas, tanto horizontal, é dicir, entre as liñas de produción e as máquinas, como vertical, entre as máquinas e os sistemas de xestión da produción. A isto súmase a conectividade a través de internet para ofrecer servizos de mantemento e captación de información das máquinas. Neste escenario xorden novos riscos e vulnerabilidades que deben ser xestionados adecuadamente adoptando as medidas de protección necesarias para evitar ciberataques, perdas na propiedade industrial das compañías ou mesmo a paralización da produción. Esta será a formación específica que reciban os e as estudantes deste curso único en Galicia. Respecto do panorama estatal, Armesto apunta que, se ben existen algunhas titulacións en ciberseguridade industrial, estas “non teñen o enfoque tan práctico e técnico que lle imos dar a este título propio”. Ademais pon en valor o feito de contar co apoio e coa participación docente de multinacionais “tan recoñecidas no sector da ciberseguridade industrial como Siemens, Fortinet, Microsoft ou Nozomi Networks, entre outras”. O curso estenderase entre o 13 de xaneiro e o 2 de setembro de 2022 e as persoas interesadas poden solicitar máis información a través deste enlace.